Enxeñería

AS PONTES DE CAMBRE 

Cambre é unha terra de ríos, de cruzamento de camiños, de roteiros históricos. A pesar de que xa non existen varias pontes singulares, aínda se están a conservar algúns exemplares icónicos de importancia tanto simbólica como práctica, de intercambio de xentes, de mercadurías, de ideas…

PONTE DA PENA. Sigrás 

Probablemente construida a finais do século XVIII, cando se deu por rematada a estrada nacional 550, ao seu paso por Sigrás. Chamada Ponte Nova, foi a sustituta da Ponte da Xira pola que transitaba o antigo Camiño Inglés.

Trátase dunha ponte de dous vanos, un de maior luz e o outro de desaugadoiro. A fábrica da Ponte é de perpiaño e o arco principal está lixeiramente rebaixado. Hoxe en día está case en desuso polo traslado da Nacional. Aínda así pódense contemplar os pretís de perpiaño e os restos da antiga estrada adoquinada. Como curiosidade dicir que esta nova ponte deu lugar ao rueiro de “A Ponte”.

PONTE DA RIBEIRIÑA
Pequena e fermosa ponte que salva o cauce do río Brexa ao seu paso polo lugar da Ribeiriña. O que a duras penas se pode contemplar é a fronte desde río abaixo, posto que a do río arriba quedou oculta polo ensanchamento da estrada hai xa algúns anos. 

Trátase dunha ponte construída con perpiaño ben labrado, cun arco moi rebaixado e resaltes nos lados rectos. Xa non quedan restos dos antigos pretís.

PONTE DA XIRA 

A Ponte da Xira, primixenio lugar de acceso a Sigrás polo milenario Camiño Inglés, salva o cauce do río Valiñas (antes río do Gaiteiro) e confórmase mediante unha fábrica de perpiaño que foi retocada en numerosas ocasións, como corresponde a un vado moi empregado. Estruturalmente posúe dúas fiadas de dovelas desiguais e ripios intermedios que só están a cumplir a función de tapar o oco que quedaría entre os dous arcos. Hai anos podíanse ver os restos da calzada medieval, con grandes pedras desiguais nas que se apreciaban as marcas das rodas dos carros que durante séculos transitaban por ela.     

PONTE DE CELA
A ponte de Cela,  de traza medieval,  foi trasladada desde o lugar de Ponte, na parroquia de Cela, a raíz da remodelación do cauce do río Mero, ata o enclave actual na desembocadura do río Brexa en Bribes. 

A fisonomía da ponte cambiou de xeito espectacular e radical: tratábase dunha ponte cun gran arco de medio punto con ampla luz, construida con perpiaños e dovelas de granito ben labrado. Os pretís eran tamén de perpiaño e describía unha suave inclinación cara ao cumio. 

A imaxe da ponte antes do seu traslado correspondía ás obras de remodelación executadas durante o século XVIII.

PONTE DO BURGO-TEMPLE

A pouco que nos paremos nesta hoxe urbana zona do Temple, o viaxeiro poderá contemplar os enormes vestixios dunha zona que as construcións modernas non conseguiron ocultar: a sé dos Cabaleiros Templarios e a Ponte do Burgo-Temple, solar do Burgo Novo de Faro medieval.

A Ponte, de posible pero non comprobado orixe romano, amosa a estrutura do século XII, reformada no século XIV e restaurada no ano 1992. Conserva seis arcos da   súa primitiva traza e todos son de medio punto. A luz de cada un deles vai desde os sete ata os oito metros. A lonxitude actual é de mais de 120 metros e está a conservar unha ducia de arcos. Na unión co noso Concello aínda se conservan restos do pavimento orixinal.

Tanto a cercana igrexa de Santa María do Temple como a ponte ben poideran ser os únicos restos que se conservan do Castelo Fortaleza dos Cabaleiros Templarios.