O PATRIMONIO INDUSTRIAL
O patrimonio industrial defínese como o conxunto de elementos materiais e inmateriais que se recoñecen como herencia e que teñen relación cos procesos de manufactura. Componse de restos da cultura industrial que posúen un valor histórico, técnico, social, arquitectónico ou científico.
Podemos ver neste apartado agún dos poucos exemplos que aínda se conservan en Cambre como pegada dos avances técnicos, a cabalo entre a produción artesanal e a industrial.
ASERRADOIRO DOS GALIÑEIROS
No lugar de Galiñeiros, na parroquia de Cecebre, aínda podemos contemplar, na pequena ínsua que queda entre a canle do muíño e o río Mero, os restos do aserradoiro dos Galiñeiros, así como importantes indicios da maquinaria hidráulica e fermosos anacos das paredes de mampostería que compoñían este complexo pre-industrial.
ESTACIÓN DO TREN DE CAMBRE
Aínda que non a podemos calificar de arquitectura industrial en sentido estricto, podemos encadralo neste lugar polo que significou a finais do século XIX para o desenvolvemento económico do Concello de Cambre: a Estación permitiu a construción de moitas empresas, de novos negocios…, e os restos arquitectónicos que aínda permanecen son a testemuña muda duns tempos e dunhas historias que permaneceran para sempre no acervo popular.
FÁBRICA DE CURTIDOS DE SEOANE
Enorme complexo de fábrica decimonónica onde aínda se pode contemplar a gran chimenea feita de tixolos en perfecto estado. O resto conforma unha impresionante ruina: casa con chimenea e fogar, lavadoiro interior con fonte, canles de granito… Foi desmantelada na primeira década do século XX.
Como curiosidade hai que dicir que a mediados do século XIX, un de cada catro concellos de Galicia posuía unha curtiduría e un de cada catro coiros fabricados en España procedía de fábricas de Galicia.
FÁBRICA DE FARIÑAS
Fermoso e impresionante exemplar de arquitectura pre-industrial que se desenvolve a través de tres andares. Os paramentos están construídos con formigón revocado en cores vivos, típicos da arquitectura de primeiros do século XX. Os motivos e a fronte son clásicos, con pináculos e cuberta a dúas augas. Durante a súa extensa actividade estivo a sufrir diversos engadidos posteriores. No río Mero, ás costas desta edificación, aínda podemos contemplar os restos do Muíño de Cambre e do azud crebado hoxe case derruído.
TELLEIRA DE PREGO
Polo ameno paseo Fluvial do Río Mero, á altura da Ponte Noceiro, podemos contemplar unha serie de edificacións e algunhas zonas lamacentas que son indicio da inxente actividade de extración do barro para facer tellas e tixolos. Nesta área chegaron a practicar esta actividade ata tres telleiras.
De todo este laborioso quefacer estanse a conservar únicamente uns pocos pero significativos restos da coñecida como “Telleira de Prego”: o gran forno de botella feito de tixolo onde se cocían as tellas. Está á beira do camiño e da Ponte do Noceiro, e moi preto das pozas de onde se recollía a arxila para a fabricación deses elementos.