Igrexas Parroquiais

San Cibrao de Bribes

Trátase dunha igrexa de planta rectangular na que destaca o poderoso campanario, de tipoloxía dos mosteiros bieitos. A orixe é o Mosteiro de Bribes do Século XII. No interior podemos apreciar numerosos reaproveitamentos románicos enfoscados nos muros e dúas lápidas no chan dalgún dos seus abades. A traza actual posiblemente data de entre os sécalos XVII e XVIII.

San Lourenzo de Meixigo

Estamos diante dunha sinxela igrexa rural que amosa planta rectangular e cuberta a dúas augas con tella do país. Un sinxelo campanario remata a fachada occidental, completamente lisa. Os muros aparecen todos revocados en cor branco.

Está ubicada nun estratéxico emprazamento desde onde se contemplan amplas vistas panoramicas.

San Martiño de Andeiro

Pequeno templo de planta rectangular revocado en branco ao redor do perímetro agás a fachada occidental, que ten perpiaño á vista. A esbelta silueta do campanario destaca pola súa altura, en relación co corpo principal

San Paio de Brexo

Pequena igrexa que describe planta rectangular con varias construcións adyacentes sen relación co templo. A fachada remata nun poderoso campanario de perpiaño e nela ábrese a porta rectangular e unha xanela semicircular. No senso lonxitudinal, unhas bandas de perpiaño a xeito de moldura resaltan a súa verticalidade. O resto da construción atópase revocada de cemento e pintada de cor branca.

San Salvador de Cecebre

Sinxela igrexa de planta rectangular que se pode adscribir ao estilo neoclásico. Está revocada en branco, excepto  nos esquinais. Na fachada destaca a gran espadaña, unha ventá e a porta, ambas as dúas rectangulares.

Para resaltar o sentido ascensional, vertical, unhas bandas de perpiaño a xeito de molduras percorren a fachada occidental no senso lonxitudinal.

San Xiao de Cela

Desenvólvese a través dunha pranta rectangular, e o elemento mais destacado é a espadaña de perpiaño. Toda a fábrica está revocada en branco e na fachada occidental ábrese a porta e unha sinxela ventá. Situada preto do río Mero, aséntase nun emprazamento privilexiado dominando o cruce de camiños e a ponte sobre o río.

San Xoan de Anceis

Igrexa de orixe románico con planta e ábsida rectangulares, cunha capela adosada ao sul. A fachada é neoclásica e na ábsida, orientada ao leste, ábrese unha fermosa ventá románica. Na capela gárdase un sartego de estilo gótico.

San Xoán de Pravio

Describe pranta rectangular e a fábrica está revocada en branco, menos os esquinais que son de perpiaño. Cuberta a dúas augas e coroamento a través dun esbelto campanario. A porta está enmarcada con perpiaños e un motivo sogueado a xeito de moldura, posiblemente adscrito ao estilo renacentista.

Santa María do Temple

Pequena igrexa románica con unha soa nave rectangular e ábsida semicircular: é o que queda da primitiva igrexa templaria que posuía tres naves e tres ábsidas semicirculares.

Na fachada occidental ábrese a porta, que está rematada por un lintel semicircular que debuxa as columnas do Templo de Salomón, última pegada dos Templarios nestas terras. O conxunto, pola parte occidental, culmina cunha espadaña de época moderna.

Santa María de Vigo

Trátase dun exemplar de orixe románico restaurado na década de 1980, despois de anos de ostracismo e abandono. Describe pranta rectangular sen diferenciación clara na pranta e no alzado. A fachada occidental é de perpiaño e nela ábrese a porta principal coroada por un arco de medio punto; remata cun poderoso e sólido campanario. O resto da construcción está rematado por un enlucido de cor branca.

Santiago de Sigrás

 A súa orixe hai que buscala no século XII e está moi remodelada, froito de diversos arranxos ao longo dos tempos. A pranta da nave e rectangular e a ábsida, tamén rectangular, é do século XIX. Nos muros da nave pódense apreciar as estapas construtivas a través dos sinxelos canzorriños: románico, gótico, barroco. A fachada occidental ten porta rectangular e o  campanario é barroco.

ERMIDA DE DON SANCHO

Pequena capela dunha soa nave de forma rectangular. Sinxela espadana dun só oco na fachada principal, rematada en cruz. Resolta con fábrica de mampostería revocada con cuberta a dúas augas. Fachada con óculo sobre a porta de entrada e remates en pináculos.

ERMIDA DE SAN BIEITO

Sinxela e humilde edificación de planta rectangular con cabeceira tamén rectangular e sacristía adosada no lado do norte. A fábrica é de mampostería revocada e pintada en cor branca, excepto nos esquinais que son de perpiaño visto. A cuberta é de tella a dúas augas.

ERMIDA DE SAN ROQUE 

Pequena capela con unha minúscula sacristía nun lateral. A cuberta é a dúas augas con tella do país e a fábrica é de mampostería revocada en cor branca. Remata nunha simple espadana feita de perpiaños cun só oco.

 CASA REITORAL DE SIGRÁS 

Describe planta rectangular con baixo e un andar. A cuberta resólvese a catro augas con tella do país. Na planta baixa, cara ao norte, unha poderosa porta arco de medio punto da acceso ás cortes e a un pequeno teatro; cara ao sul, ábrese no primeiro andar unha porta á que se accede por medio dunhas grandes escaleiras que levan á parte habitada. As paredes son de perpiaño nos paramentos verticais e enmarcando portas e ventás, o resto dos muros son de mampostería revocada en blanco. 

A imaxe actual da Reitoral de Sigrás, a pesar da súa indubidable beleza, non ten nada que ver con antigo hospital de peregrinos que se asentaba neste máxico emprazamento.

CASA REITORAL DE VIGO

Hoxe en día tan só fican unhas poucas ruínas do que noutrora fora unha impresionante casa reitoral en Vigo. A súa situación nun lugar dominante, con amplas vistas cara ao val do río Brexa, é indicio suficiente do seu pasado poderío.

CASA REITORAL DO MOSTEIRO 

Enorme e poderosa construción de planta rectangular, fábrica de mampostería e perpiaño para paramentos verticais e enmarcando portas e ventás. A cuberta resólvese a catro augas con tella do país. No poderoso muro de entrada, ábrese un portalón coroado por un lintel curvilíneo e a pedra armeira de San Martiño Pinario. Construcións complementarias como alpendres, hórreo, pombal…, completan este singular conxunto.

CASA REITORAL ANDEIRO 

Trátase dunha sinxela construción de planta rectangular resolta mediante baixo e unha altura. Os muros de carga son de mampostería e hai pezas de perpiaño na fachada remarcando porta e ventás. A planta baixa está revocada con arxila e o primeiro andar atópase revocado en cor blanca.

CASA REITORAL DE CAMBRE 

Describe planta con forma de L, na que o brazo pequeno une o corpo principal cadrangular coa igrexa. Os muros son de mampostería con perpiaño para os paramentos verticais e horizontais. Na parte que mira ao sul, ábrense dous fermosos e macizos arcos de medio punto coroados por un balcón corrido que ocupa o centro do lenzo. Ao norte, un patio axardiñado de entrada e unha pedra armeira na fachada que amosa as armas do Mosteiro de San Martiño Pinario.

CASA REITORAL DE CECEBRE 

Desenvólvese  a partir dunha planta rectangular e estrutura de formigón sobre muros de carga de mampostería. Cara ao norte, unha terraza á que se accede por unha escaleira exterior. Na fachada resalta unha pedra armeira coas armas de Castela e León e, no lintel da porta, unha fermosa cruz.