Petróglifos

PETRÓGLIFO A PENA DA NOSA SEÑORA. CAMBRE

Ubícase no camiño antigo do Temple a Cambre (500 m ao NW do Castro de Cambre). Trátase dunha ampla laxe que se asenta un pouco por enriba do nivel do camiño: lugar estratéxico dende onde se contempla toda a ría do Burgo, e todo o esteiro do río Mero.

O petróglifo “A Pena da Nosa Señora” conforma un conxunto de “cazoliñas” ou “cazoletas”, así como diversas gravuras de difícil adscrición cronolóxica, aínda que en xeral vincúlanse á Idade do Bronce Atlántico (2000-1000 a de XC. aproximadamente).

Gran laxe de pedra con dous paneis de cazoliñas, unha depresión (“cama da Nosa Señora”) e dúas letras maiúsculas, probablemente de época moderna. Os dous paneis de cazoliñas, consideradas por algúns historiadores “mesas de ofrenda”, amosan, o primeiro, catro coviñas; o segundo, nove. Ademáis hai unha liña curvada: trátase, segundo crenza popular, da “ferradura do cabalo ou da burra da Virxe”.

Cara ao oeste, a laxe  debuxa unha lixeira depresión que se vai alongando cara ao norte, que se chama “A cama da Nosa Señora”, cama na que probablemente noutras épocas se realizarían ritos de fecundidade. É así que a depresión vaise estreitando  de xeito que toma a forma dos ombreiros e da cabeza.

Casi medio metro ao leste da cabeceira da cama aparecen unhas liñas gravadas que semellan dúas maiúsculas iustapostas formando un “C” e un “R”, con dúas liñas horizontais enriba de cadansúa.  A súa situación a carón do camiño antiguo fai sospeitar que delimiten  e siñifiquen o “Camiño Real” a Cambre.

No extremo do noreste aparecen dous paneis ou superficies horizontais: na meirande pódese ollar unha cazoliña de case dezaseis cm de diámetro á beira doutras oito cazoliñas  máis cativas. No panel máis cativo, tres cazoliñas  acompañan a outra meirande que acada os dez cm de diámetro.