Vilas Quintas

ARQUITECTURA RESIDENCIAL: VILAS E QUINTAS

A partir do século XIX a burguesía coruñesa comenzouse a establecer en boa parte dos concellos do que hoxe é a Área Metropolitana. Detentaban o poder económico, comenzaban a detentar o poder político…, de xeito que poideron construir enormes e luxosas mansións, cabeza visible dese poder.

Contrataron aos mellores arquitectos e construiron as súas vilas de campo seguindo os estilos arquitectónicos mais en boga, influencia dos vanguardistas estilos que procedían de Europa: neogótico, neoclasicismo, racionalismo francés, modernismo e o mais puro eclecticismo.

Cons estas construcións, ás veces imitación dos pazos, amosan á sociedade o lugar preeminente que van a ocupar a partir de entón.

CASA ARRIGADA
Casa modernista de 1912 da que se descoñece o arquitecto. Describe unha planta rectangular con planta baixa e dous andares. A fábrica é de cemento revocado e está pintada de verde e ocre. Os balcóns e cornixas aparecen finamente decorados: os motivos fundamentais son habituais do modernismo a saber, naturais (exaltación da natureza), musicais e figuras alegóricas.

CASA DAS PALMEIRAS

Está construida con cemento revocado e distribúese a través de baixo, un andar e o faiado. Unha doble cuberta a dúas augas ofrece a ilusión de dúas construccións. Amplos ventanais e faixas de cemento enmarcando esquinas e ventás, caracterizan esta singular edificación. Trátase dun curioso exemplo de construción pareada de principios do século XX.

CASA DE DONA RAMONA 

Espléndida casa sita de cheo no Camiño Inglés a Santiago ao seu paso polo lugar de Sobrecarreira en Sigrás.  Distribúese a través de baixo e un andar. O elemento sustantivo que caracteriza esta fermosa casa solariega é a gran galería de madeira que ocupa toda a fachada, así como a verxa de ferro fundido que a limita co exterior.

CASA DO ARCEBISPADO DE OVIEDO

Impresionante portalón con porta de madeira enmarcada por dúas pilastras e rematada por un lintel clásico con forma de frontón triangular. O conxunto coroa con pináculos e está construido con perpiaño. No interior, un patio da acceso a unha casa de planta rectangular con muros de mampostería, patín e balcón corrido; a cuberta é a dúas augas con tella do país.

QUINTA DOS PAN DE SORALUCE 

Ubícase entre a corredoira do Rocón e a Casa Consistorial, en pleno corazón da capital municipal do Concello. Trátase dunha vetusta construción do século XIX que se distribúe por medio dunha planta rectangular que se diferencia en alzado por ter o corpo oriental mais elevado. A cuberta é de tella do país a varias augas e os paramentos son de mampostería. Un gran muro rodea toda a propiedade e, á beira do portalón de acceso, dúas pequenas construcións servían de morada á servidume. O elemento mais interesante sitúase na parte occidental: unha galería corrida de cor verde que deixa no baixo un porche con columnas de ferro fundido. Un precioso xardín romántico rodea toda a construción.

CASA EN CECEBRE

Trátase dunha gran edificación de planta rectanguar con baixo, un andar e faiado. A cuberta é a dúas augas con tella do país. Na parte oriental, unha terraza con balaustrada e adornos de artísticos xerróns.

Os paramentos están revocados de cemento con resaltes blancos nas portas e nas ventás, o que produce un fermoso contraste e salva as tensións entre verticalidade e horizontalidade.

CASA DO OUTEIRO

Está situada no lugar de Outeiro, na parroquia de Cela. Trátase dunha edificación de planta cadrada, cuberta a catro augas e paramentos revogados de cemento. Un gran portalón cuberto e un muro con celosía calada así como resaltes verticais e horizontais, alternando a liña curva coa recta e a cor branca co azul, permite o acceso á finca a través dunhas escaleiras que levan á terraza, ambas as dúas limitadas por pasamans con balaustrada. Dúas columnas anteceden o umbral de entrada á casa que mostra xanelas xemelgas e porta con linteles resaltados en branco a modo de entablamento. Unha fina filigrana corrida de adornos xeométricos a modo de cenefa, definen o canalón e confírenlle un efecto de artística elegancia.

CASA PORTO. Cambre 

Extraordinario exemplo de arquitectura decimonónica cuxa actividade fundamental foi desde as súas orixes a hostalaría. Trátase dunha casa de planta rectangular con baixo, un andar e bufardiña. Ventás e portas de madeira, tres balcóns na fachada que da a estrada e muros recevados e encalados. Está rodeada dun alto muro de mampostería excepto pola zona que da á estrada e polas escaleiras que van ao Campo da Feira.

CASA SOLARIEGA DOS ATOCHA 

Casa solariega coas paredes revocadas en branco con perpiaño para as portas e as ventás. Patín na parte interior e gran portalón de entrada rematado (por enriba do lintel de perpiaño) cunha sinxela cruz biselada e florenzada, así como dous pináculos con esferas de metal. 

Fronte á casa, á outra beira do Camiño Inglés, o peto de ánimas do Santo Antón e un banco corrido apropiado para o descanso dos peregrinos.

QUINTA DA CARREIRA

Emprázase entre os lugares de A Xira e A Telva, en Sigrás, na antiga estrada Ponte do Porco-Muros. Un gran muro de mampostería revocado de cemento rodea toda a finca e, na parte da dereita, disimula a vivienda da servidume.

Trátase dunha quinta de planta cuadrada coa cuberta completamente reformada hai algúns anos. Destaca por enriba de todo a espectacular fachada: un baixo e un andar feitos con tixolo roxo e separando ambas as dúas partes con faixas de perpiaño, así como os esquinais. Absoluta simetría en porta e ventás, enmarcadas con perpiaño e con linteis lixeiramente combados para romper a monotonía das liñas rectas.

QUINTA DO BALADO

Construida na década de 1920, atribúese ao arquitecto coruñés Antonio Tenreiro. Describe unha planta rectangular con  baixo, un andar e gran sobrado. O tellado, como un gran sombreiro de liñas onduladas, é de lousa, destacando unha cúpula, bufardillas e a alta cheminea.Está construída en formigón e os seus muros presentan numerosas fiestras: as laterais están coroadas por arcos oxivais, de clara tendencia neogótica.En xeral gran sobriedade nas liñas, como corresponde ás tendencias en boga do racionalismo francés.

QUINTA VILAFLOR
Edificio singular que está composto de baixo, un andar e baixo cuberta. Conserva o peche orixinal e está construído en formigón. Combina franxas horizontais con franxas verticais a imitación dos travesaños que suxeitan o aleiro como si fosen de  madeira, clara influencia das construcións vascas, utilizada con profusión polos arquitectos coruñeses de principios do século XX.

VILA CHORAIMA 

Emprázase no lugar de Canal en Cecebre, nunha suave pendente antes do cauce do río Mero. Estamos diante dunha curiosa edificación ou casa señorial que amosa grandes pináculos e longos aleiros, así como raros contrafortes que imitan as construcións vascas.

A planta é cadrangular con cuberta que se resolve a dúas augas. Os muros son de fábrica de perpiaño revocados en branco, excepto nas esquinas onde a pedra está á vista. Na fachada sobresae a pedra armeira e unha inscrición típica da linaxe dos Andrade a saber, “Ave María Gratia Plena”.

VILA CONCEPCIÓN

Pódese adscribir ao modernismo tardío e desenvólvese a través da planta baixa, dous andares e un gran sobrado.A cuberta, a xeito de sombreiro, é de cinc e ten dous óculos. A fachada principal está decorada con lousas e os linteis tamén están profusamente decorados. A porta principal está protexida por un alpendre con columnas de ferro forxado que conduce a unha terraza á altura do primeiro andar.Na parte traseira, unha gran galería de madeira percorre todos os pisos. As portas de ferro forxado debuxan fermosas formas.

VILA FLORENTINA
Foi proxectada polo gran arquitecto Antonio Tenreiro na década de 1950. Desenvólvese a través dunha planta baixa e un andar. No tellado de lousa, hai unha bufardilla, dúas chimeneas e  acubilla un pequeno sobrado. Construída en formigón, está revocada en amarelo pastel. Balcóns, torreón e gran ventanal, a modo de galería, na fachada principal son as características máis destacadas desta sinxela construción estival.

VILA DO TOURAL

Construida pola familia Rey da Coruña, amosa resabios modernistas sobre todo na utilización da cor, nos xardíns, galerías, estatuas alegóricas, animais e grandes balaustradas.

Con clara influenza dos pazos, accédese á vivenda principal a través dunha gran escalinata flanqueada polas cabalerizas e rematada cunha terraza-mirador. Nun lateral levántase unha pequena capela con características neogóticas.

A vivenda principal describe planta rectangular con porche de entrada e galería corrida no primeiro andar.

CASA-VILA NO CANAL

Trátase dunha edificación de estilo colonial que se compón a través de dous andares e un torreón lateral; a cuberta é de tella. Balcóns de madeira, porche de entrada e ventás enmarcadas en cor branco sobre o pastel das paredes, son as  súas notas predomintantes. A carpintería exterior é de madeira e na cuberta sobresaen grandes aleiros. Destaca unha gran galería na planta baixa.

A XUVENTUDE DE CECEBRE 

Extraordinaria construción sufragada polos emigrantes de Cecebre en Estados Unidos e inaugurada no ano 1922.

Estamos diante dun edificio de estilo colonial con dous andares e un baixo. A fachada está dividida mediante pilastras en tres partes e a cornixa con profusa decoración vexetal no remate.

O acceso á finca prodúcese a través dunha escaleira doble con balaustrada e columnas rematadas coa bola terrestre.