Campaña pegadas
Co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a tenencia responsable, o Concello de Cambre lanzou unha nova campaña de concienciación baixo o lema “Que os vosos paseos non deixen pegada”.
Esta iniciativa xorde a raíz da modificación da ordenanza de limpeza viaria e ornato público. Con este cambio, o Concello buscou resolver un problema frecuente e unha queixa reiterada por parte dos veciños e veciñas do municipio: a presenza de ouriños e deposicións de animais domésticos en espazos públicos. Agora, as persoas propietarias de animais domésticos deberán levar unha botella con auga e vinagre para diluir as miccións. Así mesmo, deberán levar unha bolsa para recoller os excrementos dos cans.
Como parte da campaña, o Concello elaborou cartelería e dípticos informativos sobre as novidades na normativa. Ademais, deseñouse unha liña de botellas que se entregarán, de xeito gratuíto, aos veciños e veciñas -ata fin de existencias-.
As persoas interesadas en facerse cos materiais da campaña -botellas e folletos informativos- poderán achegarse ao departamento de Medio Ambiente (rúa Wenceslao Fernández Flórez s/n). Máis información no teléfono 698 17 71 21 (dispoñible tamén para envío de WhatsApps) e no correo medioambiente@cambre.org.