Cruceiros – cruces – petos

OS CRUCEIROS DE CAMBRE

Constitúen unha verdadeira sinal de identidade na paisaxe galega: eríxense nos cruzamentos de camiños e nos adros das igrexas e ermidas.

Son así, auténticos fitos emprazados nos camiños para a protección dos viaxeiros e, ademais, eran un elemento clave para a curación de moitas enfermidades tradicionais.

Pero son tamén unha das expresións mais logradas da pericia dos canteiros galegos na arte de labrar a pedra, de conseguir que as pedras falen.

CRUCEIRO DE ANCEIS 

Atópase na Praza de San Marcos, fronte ao Pazo de Anceis e no medio do Camiño Inglés a Santiago. 

Componse  cunha plataforma formada por tres gradas graníticas: a terceira acolle o fuste ou varal, monolítico de sección cuadrangular e coas arestas rebaixadas en bisel, adoptando así o aspecto de sección octogonal. Remátase cun capitel moldurado de tipo dórico. 

A cruz é lisa, de tipo latino, moi robusta, case do mesmo grosor que o fuste. Mostra os bordos rebaixados en bisel e os acabados son florenzados, con bolas nas frontes dos extremos dos brazos.

CRUCEIRO DE ANDEIRO

 Atópase á beira da estrada, entre a casa reitoral e a igrexa. Actualmente está fóra do adro.

A plataforma está formada por tres gradas de perpiaño: a primeira está ao mesmo nivel que a beirarrúa, destacando só dúas. A base ou pedestal é monolítica coa sección cúbica. A continuación, o fuste ou baral cunha sección cuadrangular nos extremos e bordos rebaixados a bisel. O capitel ten forma de tronco-pirámide invertida sen ningún tipo de adorno. Finalmente, a cruz, de tipo latino, describe unha sección cuadrangular coas arestas rebaixadas a bisel e os extremos dos brazos son de tipo florenzado.

CRUCEIRO  DE BREXO

Foi construido en 1690 e está formado por cinco gradas, cunha mesa ofertoria embutida nun deles.

O fuste parte do último nivel e é de sección cilíndrica. Na base hai relevos de vieira, unha caveira con ósos cruzados e unha escena de difícil interpretación.

O capitel está moi erosionado e é de tipo corintio, con follas de acanto e volutas. A cruz ten sección cuadrangular e no anverso aparece o Cristo crucificado con cartucho; no reverso vemos a Virxe dos Dolores ou da Piedade. Coroando a cruz, un sol nos brazos do cruceiro así como varios querubíns e crecentes.

CRUCEIRO DE BRIBES
Cruceiro de construción moderna ubicado fronte ao Local Social. Repite, na súa feitura, os elementos clásicos deste tipo de monumentos en Galicia a saber: tres gradas e un poderoso pedestal tronco-prismático desde o que arrinca o fuste ou varal que é de sección cadrangular e rabaixado a bisel nas arestas. Dun capitel basto e sumamente tosco, arrinca a cruz florenzada na que se acubillan, nunha cara a Virxe e, na outra, o Cristo crucificado.

CRUCEIRO CAMBRE
Consta de tres gradas. O fuste ou fuste é monolítico, de sección cuadrangular nos dous extremos, cun rebaixe biselado nos catro bordos. Non mostra capitel: a cruz parte directamente do fuste e é latina de sección cuadrangular nos extremos e achaflanada nos brazos.

É un dos cruceiros máis sinxelos do Concello en canto a ornamentación. Por iso a súa altura e estilización danlle unha aparencia de sobria maxestade.

CRUCEIRO DE CELA 

Cruceiro sinxelo situado nun cruce de camiños. Está formado por tres gradas cunha mesa pousadoira ou ofertoria de cantería. O fuste ou varal está feito de cemento, monolítico, con bordos rebaixados en bisel e sección cuadrangular nos extremos inferior e superior. Un baquetón dá paso a un capitel de tipo xónico con volutas nas catro esquinas.

Na cruz, o Cristo crucificado no anverso e, no reverso, a Virxe das Dores ou quizais a Virxe da Paixón. As dúas esculturas son moi esquemáticas.

CRUCEIRO DE PRAVIO 

Pedestal formado por dúas gradas. Na parte frontal, partindo da primeira grada, érguese a mesa do ofertorio. No nivel superior aséntase a base que se desprega a través dunha peza paralelepípeda e unha moldura de gola recta. O fuste ou varal é monolítico con sección cuadrangular nos extremos e os bordos rebaixados en bisel no resto.

O capitel ten forma tronco-piramidal invertida de tipo corintio: follas de acanto e volutas. A cruz, rebaixada nos bordos biselados, ten sección cuadrangular e os extremos dos brazos son florenzados. Cristo crucificado e a Virxe das Dores completan este espléndido cruceiro.

 

CRUCEIRO DE RONCESVALES 

O pedestal está formado por tres gradas e o fuste ou poste parte dunha gran peza paralelepípeda e volante recto, é monolítico de sección cuadrangular nos extremos e o resto rebaixado en bisel. 

A cruz é cilíndrica con cartucho, Cristo crucificado e a Virxe das Dores asentada nunha ménsula sostida por un anxelote. Tanto un como o outro son dunha elaboración extraordinaria: proporcións perfectas e moito coidado polos detalles. Trátase, sen dúbida, dunha das cruces máis monumentais do noso Concello.

CRUCEIRO DE SAN LOURENZO
Estrutúrase a través dunha plataforma con tres gradas, un pedestal de pedra e unha mesa ofertoria ou pousadoirra. O fuste ou varal é monolítico de sección cuadrangular nos extremos e bordos biselados. O capitel é de tipoloxía dórica galega, de forma tronco-prismática invertida. Mostra un querubín con ás en cada unha das súas catro caras.

A cruz é de tipo latino de sección cilíndrica con xemas, imitando o tronco dunha árbore. No anverso, o Cristo crucificado e a cartela; no reverso, a Dolorosa. Son dúas figuras perfectamente esculpidas que amosan o sufrimento, a dor, a través dos músculos, a expresión…

CRUCEIRO DE SAN ROQUE
Catro gradas debuxan a plataforma. Na primeira grada aparece acubillada unha mesa de ofrendas ou altar, e o fuste ou varal, monolítico, adopta  sección cuadrangular nos extremos e biselado no resto.

O capitel é de tipo dórico moldurado con forma tronco-piramidal invertida e a cruz, lisa, con bordos rebaixados e remates floridos cun botón entre os pétalos.

CRUCEIRO DE SIGRÁS 

Catro gradas cunha mesa de altar ou ofertoria. A base ten dúas partes: a inferior con forma de paralelepípedo e a segunda mediante un bocel rematado cun rebaixe da alta escocia. O fuste é monolítico, cuadrangular nos extremos e biselado nos bordos.

O capitel é moldurado, dórico, con molduras rectas. No centro de cada cara destacan os querubíns alados. A cruz, de tipo latino, cilíndrica: no anverso, unha cartela e o Cristo crucificado; no reverso a Virxe dos Dolores.

O autor é Francisco María Rodeiro e foi construido no ano 1867.

CRUCEIRO DE SOBREGUEXE

Cruceiro sinxelo que se desprega por un zócalo formado por tres gradas ou chanzos, o primeiro lixeiramente enterrado no chan. O fuste ou varal é monolítico de sección cuadrangular e bordos biselados lonxitudinalmente. Tanto o capitel como a cruz son de cemento: o primeiro en forma tronco piramidal invertido (de tipo dórico galego) e a cruz, tamén de cemento, mostra os bordos rebaixados en bisel.

CRUCEIRO DE SANTA MARÍA DE VIGO 

A plataforma está formada por dúas gradas. A base é cúbica e colócase no segundo nivel: mostra bordos rectos excepto na coroa, que están fortemente rebaixados. O fuste é monolítico de sección cuadrangular nos extremos e biselado nos bordos. A cruz é quizais o elemento diferenciado: as arestas achafranadas e unha canle na parte central das dúas caras, a modo de mediocana. É das do tipo latino e os extremos son florenzados con botóns nas frontes.

CRUCEIRO VELLO DE SIGRÁS 

Plataforma formada por tres gradas. A primeira é de cachotería irregular e está a ras de chan; as outras dúas son de perpiaño. O fuste ou varal é monolítico de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas rebaixadas a bisel. O capitel adopta unha forma troncopiramidal invertida, moldurada e de tipo dórico. A cruz é latina, lisa, de sección cuadrangular e de bordos biselados. Os extremos son florenzados cun botón entre os catro pétalos.

CRUZ EN AIÁN 

Pequena cruz de granito sustentada cunha ménsula de pedra e ubicada na parede dunha casa tradicional en Aián, na parroquia de Sigrás.

Está feita de perpiaño coas arestas rebaixadas a bisel, tanto nos brazos do cruceiro coma na parte mais longa. Os extremos son de tipo florenzado. Esta humilde cruz de camiño repite os esquemas mais típicos da tradición galega dos construtores de cruceiros.

PETO DE ÁNIMAS DE SAN ANTÓN

O Peto de San Antón confórmase coma unha fornacina con corpo rectangular e coroamento semicircular que serve de cobixo a este santo vestido con hábito franciscano e có Neno no colo. A fornacina está enfoscada nunha especie de muro que semella un frontón. Aos pés, un fermoso banco corrido de perpiaño de feitura clásica serve para un merecido descanso do peregrino. No granito moldurado que serve de marco á fornacina aparece unha inscripción así coma o ano da construcción (1815): “SI BUSCAS MILAGROS MIRA”, primeiro verso do famoso poema de San Antón de Pádua.