Neste apartado mostraremos tanto ao visitante como ao veciño unha terra chea de mananciais, humanizados, encaixonados en pedra para dirixir a auga, perfectamente controlada, cara ao consumo humano e animal. De importancia vital, a auga, indispensable para a vida: nestes lugares tanto os animais coma as xentes surtíanse deste líquido insustituible.
Lugar de reunión, de traballo, auténtico foro onde se solucionaban todos os problemas, onde se sabían todas as novas…, aínda hoxe podemos contemplar e admirar estes marabillosos elementos da etnografía galega que, a pesar de non cumplir xa a función para a que foran feitas, seguen a mostrar impertérritas e cantarinas a súa importancia na sociedade tradicional galega.
FONTE DA DILIXENCIA. SIGRÁS
Fermosa fonte situada na antiga N-550 no lugar de Enxertos. Nin os máis vellos lembran que botara auga. Neste lugar paraban as dilixencias no itinerario a Santiago para un merecido descanso.
Está feita de perpiaño ben labrado con bordos en relevo a modo de lintel no seu perímetro. No centro, no medio de dous saíntes circulares, vense os canos. Á dereita, un banco de pedra e cachotería é o lugar axeitado para o descanso e a meditación.
FONTE DA FONTENLA. PRAVIO
Curiosa fonte que se pode adscribir ao tipo denominado “cofre”. Está construída sobre a base de grandes bloques de perpiaño toscamente labrados. Só hai unha parte aberta desde onde se pode acceder ao manancial. Un bloque de perpiaño permite que a auga desborde.
FONTE DE CELA. Cela
Actualmente está restaurada e se compón de catro pezas de granito arrimadas ao balado das que sae o cano que verque a auga nunha pía. O coroamento é toscamente ondulado. Na súa dereita aparece unha pequena pía moderna a xeito de estanque.
FONTE DA PITONA. Brexo
Conxunto de enorme monumentalidade con lavadeiros de granito hoxe disfrazados con cemento. A fonte amosa tres partes. Na primeira sitúase o cano que verque nunha pía de granito. A segunda amosa unha moldura perimetral e na terceira unha tosca figura humán. Esta parte ten forma triangular a xeito de tímpano cunha cornixa voladiza. No vértice unha base de granito denota a existencia dunha cruz hoxe desaparecida.
FONTE DE FREANDE. Cambre
Fonte construida con tres grandes bloques de perpiaño labrados. Distribúese en dúas partes: na primeira, unha gran pía ao nivel do chan onde verque a auga do cano; na dereita, un bloque de granito de forma rectangular para pousar as sellas. En segundo lugar, dous bloques de perpiaño enmarcados por unha moldura rectangular lisa para dar sensación dunha soa peza. Este último bloque fai de tímpano e é semicircular. O interior mostra decoración de casetóns de reminiscencias clásicas.
FONTE DE PONTIDO. SIGRÁS
Curiosa fonte da chamada “mina”: a auga sae dun túnel aberto nun requiebro do muro de cachotería dunha propiedade privada. A planta dun edificio no nivel superior servía de cuberta. Actualmente a fonte e o lavadoiro están restaurados e a cuberta de tella do país está sostida por columnas de madeira.
FONTE DE SAN ANTÓN
Fonte ubicada en pleno Camiño Inglés na parroquia de Anceis. Está feita de perpiaño cun zócalo no que se atopa o cano que verque a auga nunha pía rectangular redondeada nos ángulos externos. A continuación unha pequena moldura separa do corpo central no que aparece a imaxe da San Antón Abade enriba dunha pequena ménsula. Tres grandes fendeduras horizontais nambas beiras da escultura sirven para realzala e, cara ao exterior están atravesadas por gallóns verticais cóncavos. Para rematar o conxunto, unha cornixa en voladizo con dous pináculos e unha esbelta cruz.
FONTE DE SAN BIEITO. Mercuín.
Extraordinaria fonte construída con bloques de perpiaño e ornamentada con motivos do máis puro clasicismo arquitectónico. O cano metálico sae directamente da boca dun rostro labrado na pedra e a auga verte directamente nunha pía semicircular co bordo redondeado e o cesto imitando unha vieira. Remata en cornixa en voladizo e tímpano semicircular prolongado horizontalmente, no que destaca unha ménsula que se continúa no exterior para apoiar posiblemente unha cruz.
Augas de gran sona polas súas propiedades milagreiras vinculadas ás boas prácticas de San Bieito.
FONTE DE SOBRECARREIRA. Sigrás.
Fonte pequena, humilde e moi fermosa vinculada ao Camiño Inglés. Pódese adscribir á tipoloxía de fontes de “cofre”, a saber: como caixa ou arqueta que protexe o manancial con lousas de pedra, deixando a fronte libre para o desbordamento da auga por un pequeno rebaixe na pedra horizontal.
FONTE DO DROZO. Cambre.
Trátase dunha fonte senlleira de adscrición cronolóxica incerta, aínda que por diversas fontes pódese inferir que xa foi o manancial aproveitado polos romanos para abastecer de auga a “Villa romana” atopada en Cambre hai poucos anos. Sexa como sexa, a fonte foi reutilizada polos monxes bieitos do próximo priorado de Santa María de Cambre para fornecer as dependencias monacais.
Estruturalmente a fonte divídese en tres partes: a pía de perpiaño onde verque o cano que está no centro doutro gran perpiaño; a continuación outro máis no que sobresae en baixorelevo a pedra armeira de San Martiño Pinario. Para rematar, unha peza pétrea a xeito de tapa, sobresae cunha moldura de listel. Na esquerda, unha columna a xeito de bocel, fai as veces de repousa-selas.
Sen dúbida, o elemento máis interesante do conxunto é a pedra armeira de San Martiño, esculpida na parte superior, pouco antes da cornixa. Debuxa o piñeiro e as vieiras propias do Mosteiro, levando no timbre o capelo ou sombreiro de á ancha e copa baixa, gornecido de cordóns entrelazados no alto con tres borlas candanseu. Todo o conxunto está bordeado por un cordón, siño propio da dignidade dun “Prior”, neste caso do prior de Cambre. Este feito denota o coñecemento das leises da heráldica por parte dos canteiros que esculpiron este curioso exemplar da heráldica cambresa.
FONTE DO OUTEIRO
Trátase dunha fonte construída en 1886 (en Cela), segundo consta nunha placa metálica situada na coroa.
Está construido con bloques de perpiaño: unha gran peza rectangular enmarcada pordúas verticais moi estreitas. No medio desta gran base, que é a peza central, atópase o cano que verte a auga noutro perpiaño de grandes dimensións, moi irregular, que fai de pía. Unha canle tamén de perpiaño actúa como desaugadoiro para o lavadoiro.
O conxunto remata nunha liña curva, o que lle confire certo aspecto de frontón no que se asenta o elemento máis interesante do conxunto a saber, unha gran moldura ondulada. Dentro da súa sobriedade característica, este elemento, feito dunha soa peza, contribúe a individualizar o conxunto. Dúas molduras xemelgas que comezan e rematan en volutas simples, con tintes clásicos. Como elemento ornamental, do fondo de cada moldura parten dúas follas vexetais, a modo de lambrequíns heráldicos.
Á esquerda da fonte, unha columna de sección cuadrangular, achafranada e culminada por unha peza cuadrangular, fai de asento dos recipientes de auga.
FONTE DO OUTEIRO. Vigo
Mostra fonte, lavadoiro e cuberta con tella do país. Está regularmente restaurada e revocada de cemento.
O topónimo “outeiro” procede do latín “altarius” e probablemente faga regerencia a un lugar sagrado, máxico, onde os nosos devanceiros celebraban olvidados rituais.
FONTE DO POZO DA CAMPANA. Sigrás
En pleno Paseo Fluvial, no lugar coñecido como “Pozo da Campana” (Sigrás), sitio de bondadosas lendas e máxico pasisaxe, apto para o baño nas longas xornadas estivais, emprázase esta fonte de nova construción para canalizar un manancial que noutrora servía para alimentar un pequeno prado.
Hoxe está canalizada con pedra de cantería e un cano que case verque a auga cristalina directamente no río. Trátase dun exemplo de recuperación que ameniza este impresionante recuncho do río Mero.
FONTE MOURA. Vigo
Fonte restaurada hai uns anos que amosa lavadoiro e unha cuberta de madeira con tella do país. O cano, de perpiaño, con forma de mediacana, rebosa nunha pequena pía.
O topónimo “moura” fai referencia evocadora aos mais lexendarios e imaxinarios seres que poboan os xacementos arqueolóxicos, os ríos e as fontes.
FONTE DA NAVEIRA. Vigo.
Pequena fonte que se atopa a carón dunha curva moi pronunciada camiño da igrexa de Santa María de Vigo. Trátase dunha pequena e fermosa fonte de arqueta que alterna lousas de lousa para cubrir o depósito e perpiaño para a fronte, de onde sae o cano metálico que verte nunha pía moi pequena.