Feira de Cambre
As feiras en Galicia eran tradicionalmente sinónimo de “festa”, tratábase como un día festivo: a terra non se traballaba, a xente vestíase coa mellor roupa, non había escola, os mozos aproveitaban a oportunidade para mocear, duraban todo o día , etc.
Non se sabe exactamente en que data comezou a celebración da Feira en Cambre; non obstante, xa en 1752 a feira celebrábase o terceiro domingo de cada mes, segundo o Catastro do Marqués da Ensenada. Nesta época, a Feira dedicábase principalmente á comercialización de gando, pero tamén se mercadeaba con ferramentas, panos e outros produtos comúns.
O auxe da Feira de Cambre (como en toda Galicia) debeu producirse durante o século XIX e boa parte do século XX, ata os anos 60-70 do século XX, cando as condicións socioeconómicas do país galego cambiaron radicalmente.
Na Feira de Cambre véndense hoxe en día todo tipo de produtos: de tempada ou locais (sobre todo de horta), embutidos, alimentación, froitas e verduras, apeiros, pan, empanadas, téxtil… É recomendable vir a probar o “polbo á feira” e os churros máis saborosos do mundo.
Hoxe a feira, convertida en mercado, está intentando saír adiante e loita por converterse nun evento comercial e económico que atrae cada día a máis visitantes.
Cando e onde ten lugar?
Campo da Feira.
Día 2 e terceiro domingo de cada mes.
Feira do Temple
Sabemos que na parroquia do Temple se celebraba unha feira no século XVI. Pero ignoramos en que condicións nin en que lugar, aínda que podemos supoñer que estaría ao abrigo da ponte e da Igrexa de Santa María, xa que daquela era o lugar céntrico e habitado. Ademais, a ponte aínda funcionaba como porto debido ás facilidades que tiña a navegación costeira para levar mercadorías ata o fondo da ría. Na Feira do Temple poderemos atopar todo tipo de produtos: da horta ou de tempada, embutidos, apeiros, alimentación, téxtil… “Polbo á feira” e churros son disculpas suficiemente atrativas para que o visitante veña a pasar un rato agradable, entre a tentación e o lecer. O Concello de Cambre volve impulsar hoxe a celebración da Feira neste emblemático lugar, tentando dinamizar a economía da zona e atraer visitantes da comarca. É unha gran escusa para visitar O Temple, gozar das variadas paisaxes da ría e degustar a numerosa e variada gastronomía que ofrecen os establecementos de restauración da localidade.
Cando e onde se celebra?
Rúa Polígono-O Temple
Segundo sábado de cada mes.