HISTORIA DE CAMBRE
As mámoas (dólmenes) de Santa María de Vigo e outras moitas que aparecen na documentación medieval, son os primeiros indicios de ocupación humana no noso territorio. Deixando atrás o Neolítico, os petróglifos da Pena da Nosa Señora e a espada-puñal atopada no río Mero, constitúen as únicas probas de asentamento humano na Idade do Bronce.
Pero sen dúbida, a pegada mais duradeira de épocas prehistóricas maniféstase na chamada Cultura Castrexa (Idade do Ferro). Cambre está intensamente moteado de castros: ata 11 destes elementos defensivos alfombran o termo municipal a saber, Sigrás, Cambre, Armental, A Xoxa, A Mota, Meixigo, Bribes, Vigo, A Pagueira e Gosende. Pero esta pegada tamén se manifesta na pervivencia da toponimia de orixe prelatino: Cecebre, Cambre, Meixigo…
A chegada dos romanos significou a apertura e/ou consolidación do sistema viario: probablemente o itinerario XX de Antonino (“per loca maritima”) transcorriu por Cambre, como parece demostrar a existencia da Vila Romana e outros restos como a epigrafía desaparecida do Temple.
As parroquias, tal e como hoxe as coñecemos, coménzanse a formar na Alta Idade Media (entre os séculos VI e IX). Trala caída do Imperio romano e a paulatina consolidación do cristianismo, a fundación de igrexas e de pequenos mosteiros familiares da nobleza, vai permitindo afianzar estes núcleos parroquiais con posible orixe castrexo.
Efectivamente, a organización eclesiástica altomedieval que comenzaron a perxeñar os suevos, permite deducir a evolución da organización política de época castrexa, unha evolución que permaneceu case sen cambios ata o século XIX: a existencia do Arcedianato de Nendos é proba desa continuidade. Do castro á parroquia; da unión de varios castros (Treba) á unión de varias parroquias (arciprestado); da unión de varios trebas-arciprestados ao arcedianato. O Treba é a unión de varios poboados cun lugar central, lugar de feira, de tratos, de comercio, de ritos, de impartir xustiza… A Terra de Nendos (de Nemeth-Nemitos-Nendos: Bosque Sagrado) é un territorio perfectamente definido desde a Alta Idade Media, un arcedianato herdeiro da treba castrexa, territorio perfectamente definido desde Cesuras, Oza, Aranga ata Oleiros pasando por Abegondo ou Cambre , lugar central por antonomasia.
Entre os séculos XII e XIV, consolídanse definitivamente as parroquias, edifícanse ou se reedifican novos enclaves e o sistema feudal confórmase como modelo de organización social: dominan os Condes de Traba, os mosteiros de Cambre e Bribes, os Templarios… Igrexas como as de Cambre, Bribes, Sigrás, Anceis, O Temple ou Vigo, son erixidas ou reedificadas nesas datas.
A partires do século XIV, a organización política vaise concretando ao albur da organización supra-rexional. A parroquia de Cambre, non obstante, vai ser unha excepción ata o século XIX: con Pravio, Cela e Meixigo, sempre será territorio eclesiástico. O Abade poñía Alcalde e os tributos recaían na casa matriz de San Martiño Pinario en Santiago.
As xurisdiccións vanse puíndo: aparece unha nova nobleza que sustitúe aos Traba. Os Andrade, Mariñas, Andeiro, Moscoso…, van señorear polas parroquias que hoxe pertencen ao Concello de Cambre, sendo encomendeiros incluso dos Mosteiros de Cambre e Bribes.
Pero hai dúas provincias que loitan por desfacerse do xugo señorial tanto laico como eclesiástico: A Coruña e Betanzos, únicas de reguengo no Reino de Galicia. Os límites da Coruña chegaban e engadían Sigrás; os de Betanzos, Bribes e Cecebre.
As cousas seguen a evolucionar no Territorio Cambrés de Terra de Nendos (de Nemitos, “bosque sagrado”) cuxo poder absoluto se distribuía entre o Arcediano e a nobleza laica e eclesiástica.
No século XV, as guerras Irmandiñas supoñen un punto de inflexión: os burgueses das Vilas revélanse contra o poder feudal en todos os currunchos de Galicia, e a eles únense pronto a pequena fidalguía e toda a masa labrega. Destruíron torres e castelos poñendo en solfa os privilexios duns cantos: probablemente a Torre dos Andeiro, a da Pagueira en Brexo ou a do Drozo en Anceis, víranse seriamente afectadas. O triunfo final da nobreza sumiu a Galicia fóra dos ventos de modernidade que xa soplaban por toda Europa.
No século XVI, dúas ameazas sobrevoaron diante dos quefaceres dos nosos antepasados, a invisible da peste e a visible do pirata inglés Drake. A primeira causou unha terrible mortandade: na Feira do Temple impedíase a entrada dos feirantes de Bergantiños; a botica do Mosteiro de Cambre non daba abasto na busca de remedios contra ese invisible asasino (non chegaba coas rogativas, ofrecementos e misas). Coa segunda, aparece como protagonista unha moza nacida en Sigrás e un Capitán de Anceis (María Pita e Juan Varela) que destacaron na defensa da cidade da Coruña contra a invasión da armada liderada polo pirata Drake. Aínda así non poideron evitar a destrución de boa parte do Mosteiro de Cambre, sobre todo das dependencias monacais.
O século XVII é a época dourada da arte barroca, a época de eclosión dos mosteiros, das igrexas e dos pazos, unha segunda era dourada da arte galega e das clases privilexiadas: hai un afán desmedido pola construción, desmóchanse igrexas para construir novos campanarios, os escultores afánanse na imaxinería; a nobleza constrúe pazos e reedifica torres antigas adaptándoas aos novos tempos de paz e bonanza; os mosteiros agrándanse e as igrexas parroquiais edifican grandes casas retorais. Tanto é así que a imaxe actual da maior parte dos pazos, igrexas e reitorais do noso Concello proceden desa época.
O século XVIII, século da Ilustración, vai traer aires tibios, non de libertades, senon de certo progreso: ábrense novos camiños (a estrada N-550 deuse por rematada a finais dese século; e tamén a N-VI por terras do Temple). Ábrense fábricas textís, sobre todo en Sigrás e Cecebre, e en Anceis comenzará a funcionar a fábrica de curtidos. Na Barcala traballaba a todo ritmo un muíño de marea con 12 rodas, dos mais grandes e antigos de Galicia.
Os Concellos seguían desenvolvendo a súa actividade con arranxo á organización do Antigo Réxime: agrupábanse en dúas ou en tres parroquias cuxas corporacións se xuntaban nos adros das igrexas e posuían un cofre para gardar a documentación xenerada.
No século XIX, baixo a batuta dos gobernos liberais, toda a situación descrita vai cambiar sustancialmente. Prodúcense varios acontecementos que van precipitar unha nova organización política e con ela o lento camiño a un novo sistema produtivo: en primeiro lugar a Guerra de Independencia que xenerará a Constitución de Cádiz; en segundo lugar a Desamortización, que propiciará o acceso á propiedade da terra. Todo isto levará a un novo sistema produtivo-económico: o capitalismo.
A guerra da Independencia deixou as súas pegadas en Cambre: as tropas napoleónicas de Soult e Ney asolaron o Mosteiro de Cambre e ademais aloxáronse no Pazo de Sobrecarreira, onde olvidaron o seu diario de guerra. Parece que a insubordinación dos parroquianos foi constante…
O ano 1836 supón unha cambio radical na organización territorial: créanse as catro provincias e fórmanse os concellos tal e como os coñecemos hoxe en día.
A Desamortización produxo primeiro a exclaustración dos monxes e monxas dos mosteiros e logo a venda en pública poxa dos seus bens: en Cambre vendéronse numerosos bens mobles e inmobles como o Campo da Feira e numerosos terrenos e casas en todas as parroquias do Concello. A igrexa de Cambre salvouse da desamortización porque quedou como parroquial.
A finais do Século XIX inaugúrase o tramo do Ferrocarril A Coruña-Lugo da liña A Coruña-Palencia. Este feito vai dar un empurrón importante ás actividades económicas do Concello, coa chegada de visitantes e mercadurías. Nestas datas o Concello xa era un lugar activo, dinámico e industrioso, pero no que o 90 por cento das terras estaba aínda en réxime de aforamento. Movimentos de redención dos foros e movimentos anarquistas e republicanos reclamando a propiedade da terra, comenzan a organizarse en datas finiseculares, con forte raigame en Cambre.
A florecente burguesía coruñesa comenzou a construir as súas vilas e quintas de recreo en diversas parroquias do Concello, convertténdose algunhas parroquias (sobre todo Cecebre) en auténticas estacións estivais. O cambio de século axitou conciencias e o movimento republicano foi fundamental para a chegada da Segunda República, despois de pasar primeiro pola longa etapa da Restauración e despois pola Ditadura de Primo de Rivera.
Cambre, un pequeno Concello adicado sobre todo a actividades agropecuarias, apoiou masivamente a República no ano 1931. Os Alcaldes republicanos intentaron mellorar a educación, as estradas…, a Feira de Cambre era nesas datas o motor económico e os presupostos municipais nutríanse case na súa totalidade dos impostos que xeneraba.
O Golpe de Estado contra a República, a Guerra Civil e a Posguerra significaron para o País a caída no mais absoluto ostracismo e subdesenvolvemento durante case corenta anos.
Coa restauración da democracia no ano 1977 e cos gobernos municipais elexidos polo pobo, Cambre converteuse novamente nun Concello dinámico, industrioso e un dos motores da área metropolitana.